John Cirillo A Eclíptica Eclíptica Coordenadas eclípticas A Eclíptica é un círculo máximo imaxinario da esfera celeste ao longo do cal parece que se move o Sol durante o curso dun ano. Por suposto, realmente é a órbita da Terra arredor do Sol a que causa o cambio da dirección aparente do Sol. A eclíptica está inclinada un 23,5 graos sobre o ecuador celeste. Os dous puntos nos que a Eclíptica cruza o ecuador celeste coñécense como equinocios. Dado que o noso sistema solar é relativamente plano, as órbitas dos planetas tamén están próximas do plano da Eclíptica. Ademais, as constelacións do zodíaco están situadas ao longo da Eclíptica. Isto fai que a Eclíptica sexa unha liña de referencia moi útil para quen queira localizar os planetas ou as constelacións do Zodíaco, dado que todos, literalmente, seguen o Sol. Debido á inclinación de 23,5 graos da Eclíptica, a altitude do Sol no mediodía cambia ao longo do ano segundo aquel segue a ruta da Eclíptica polo ceo. Isto causa as estacións. No verán, o Sol está alto no ceo ao mediodía e queda sobre o horizonte durante máis de vinte horas. No entanto, no inverno o Sol está baixo no ceo ao mediodía e queda por riba do horizonte menos de doce horas. Ademais, a luz solar recíbese na superficie da Terra nun ángulo máis directo no verán, o que significa que unha área dada de superficie recibe máis enerxía por segundo no verán que no inverno. As diferenzas na duración do día e na enerxía recibida por unidade de superficie provocan as diferenzas de temperatura que experimentamos no verán e no inverno. Exercicios: Asegúrate de que estás situado algures non moi lonxe do Ecuador para estes experimentos. Abre a xanela Configurar &kstars; e cambia ás coordenadas horizontais, mostrando o solo opaco. Abre a xanela Axustar a hora (&Ctrl;S) e cambia a data á metade do verán e a hora ás 12:00 do mediodía. Na xanela principal, apunta cara o horizonte sur (preme S). Observa a altura do Sol sobre o horizonte no mediodía e no verán. Agora, cambia a data para a metade do inverno (pero deixa a hora ás 12:00 do mediodía). O Sol está moito máis baixo no ceo. Tamén percibirás que as duracións do día son distintas se abres a ferramenta Que pasa esta noite para cada data.