JohnCirilloDía xulianoDía xulianoOs días xulianos son unha maneira de calcular a data actual cun reconto sinxelo do número de días que pasaron desde unha data remota e arbitraria. Este número de días chámase día xuliano (abreviatura DX). O punto de inicio DX=0 é o 1 de xaneiro de 4713 AdC (ou -4712, dado que non existiu o ano 0). Os días xulianos son moi útiles porque fan doado determinar o número de días entre dous eventos simplemente subtraendo os seus números de día xuliano. Este cálculo é difícil co calendario estándar (gregoriano) porque os días se agrupan en meses, que conteñen un número variábel de días e hai a complicación engadida do anos bisestos. A conversión entre o calendario estándar (gregoriano) e os días xulianos e viceversa é mellor deixarlla a un programa especial escrito para isto, como a Astrocalculadora de &kstars;. Porén, para quen lle interese, velaquí un exemplo sinxelo dun convertedor de días gregorianos a xulianos: DX = D - 32075 + 1461*( A + 4800 + ( M - 14 ) / 12 ) / 4 + 367*( M - 2 - ( M - 14 ) / 12 * 12 ) / 12 - 3*( ( A + 4900 + ( M - 14 ) / 12 ) / 100 ) / 4 onde D é o día (1-31), M é o mes (1-12) e A é o ano (1801-2099). Percibe que esta fórmula só funciona para as datas entre 1801 e 2099. As datas máis remotas requiren unha transformación máis complicada. Un exemplo de día xuliano é: DX 2440588, que corresponde ao 1 de xaneiro de 1970. Tamén se poden empregar os días xulianos para expresar a hora; a hora do día exprésase como fracción dun día completo, sendo as 12.00 do mediodía (non da medianoite) o punto cero. Polo tanto, as 3.00 das tarde do 1 de xaneiro de 1970 son DX 2440588.125 (dado que as 3.00 da tarde son tres horas despois do mediodía e 3/24 = 0,125 días). Observa que o día xuliano se determina sempre a partir da Hora universal e non da hora local. Os astrónomos empregan certos valores dos días xulianos como puntos de referencia importantes chamados épocas. Unha época moi empregada é a chamada J2000; é o día xuliano 1 de xaneiro de 2000 ás 12.00 do mediodía = DX 2451545.0. Hai moita máis información sobre os días xulianos dispoñíbel en internet. Un bo punto de partida é o Observatorio Naval dos EUA. Se este sitio non estiver dispoñíbel cando leas isto, intenta buscar día xuliano no teu motor de buscas favorito.